A pontevedresa Viviana Araújo, finalista do Premio Artesanía de Galicia
Por Redacción
A pontevedresa Viviana Araújo, experta en tocados, sombreiros e outros complementos, é unha das tres finalistas do Premio Artesanía de Galicia, dotado con 6.000 euros, e que ten por obxectivo recoñecer a obra que mellor representa á artesanía competitiva e que conxuga os valores tradicionais do sector coas novas tendencias.
Competirá polo galardón co obradoiro de xoiaría de Bergondo Ardentia e a ceramista e deseñadora de xoias viguesa Marta Armada. O nome do gañador darase a coñecer nun acto público que se celebrará nas próximas semanas.
As tres obras finalistas na categoría Premio Artesanía de Galicia foron escollidas por unanimidade. Viviana Araújo, que dirixe a tenda-obradoiro Estilo Aramar na capital pontevedresa, especializada en complementos femininos artesanais, como turbantes, tocados e sombreiros de festa, e flores artesanais de tea e plumas, presentou a peza con lema Luscofusco.
O xurado destacou a calidade técnica e o proceso de elaboración deste corpiño singular e único, que incide tamén na renovación dos oficios como a plumería e o acceso a novos mercados.
O xurado estivo presidido pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez e como vogais participaron Marta López, subdirectora xeral de Comercio, así como os expertos Covadonga Carrasco, arquitecta fundadora do estudio CREUSeCARRASCO; Pablo Velasco, responsable da Cátedra Fundesarte na Fundación EOI; Jaime Sevilla, socio da empresa peSeta e Félix Sanz Sastre, director do Centro Rexional de Artesanía de Castela e León (Cearcal).
Como secretaria con voz pero sen voto participou a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro.