Franco, sen honras en Pontevedra: aproban retirarlle a medalla de ouro da cidade
Por Alejandro Espiño
Cinco anos despois de finalizar a Guerra Civil, o caudillo Francisco Franco realizou a súa primeira visita oficial como Xefe do Estado a Pontevedra. Era o 27 de agosto de 1944. Coincidindo con esa data, outorgóuselle a medalla de ouro da cidade. Cumpríase así a vontade do alcalde da época, Luís Ponce de León, que iniciara meses atrás os trámites para concederlle esta honra. Agora, 71 anos despois quedará oficialmente sen esa condecoración.
Por unanimidade, todos os grupos políticos da corporación -BNG, Partido Popular, PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos-, acordaron retirarlle a medalla de ouro da cidade, a máxima honra que concede o Concello de Pontevedra. Esta decisión será efectiva no próximo Pleno municipal, que se celebrará o luns no Teatro Principal.
Aínda que unha das primeiras medidas do BNG á fronte do goberno municipal, alá polo ano 2000, foi retirar a antiga Casa Consistorial unha placa en latín que facía referencia a esta visita de Franco a Pontevedra, citado como Caudillo de España e Xefe da Falanxe, e á concesión desta medalla, non foi ata o ano pasado cando se atopou a acta da sesión extraordinaria na que se relataba a concesión desta honra.
Foi, segundo explicou Carmen Fouces, cando os responsables do Arquivo municipal fixeron un "varrido" nos documentos da época para preparar a homenaxe que se celebrou para restaurar de forma simbólica aos membros da corporación municipal de 1936 e os funcionarios que foron represaliados polo réxime franquista.
Grazas a este "traballo profundo", dixo, logrouse reunir toda a documentación necesaria para poder proceder á retirada da medalla. Será un acto simbólico que servirá como arranque da programación que ultima o Concello de Pontevedra para homenaxear, ao longo de 2016, a todas as vítimas da represión durante a Ditadura, especialmente a aquelas "silenciadas", na súa maioría mulleres.
Tras consumarse a retirada, a decisión comunicaráselle aos seus herdeiros e a Patrimonio Nacional, por se cabe que se produza a devolución física da medalla.
Relacionadas:
-
RADIO.- Carlos Hernández, o xornalista @deportado4443 que conmoveu ducias de miles de internautas
Por Marisa Ciordia |
-
Por aclamación, Franco xa non preside a Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Franco segue a ser presidente perpetuo da Deputación de Pontevedra… pero será por pouco tempo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Deputación eliminará distincións e símbolos que reflictan a adhesión coa ditadura franquista
Por Oskar Viéitez |
-
Instan á Deputación a retirar a Medalla da Provincia á Sección Feminina da Falange
Por Redacción |
-
A Fracha, o paro, as concentracións contra a violencia machista e a compostaxe marcan o pleno de outubro
Por Redacción |
-
Pontevedra homenaxeará durante todo 2016 ás vítimas 'silenciadas' da represión franquista
Por Alejandro Espiño |
-
"As mazás do cesto que teceu Montse abandonan o silencio"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
16 mulleres emblemáticas de Pontevedra fanse visibles na Praza de Ourense
Por Redacción |