O PP solicita unha comisión de investigación sobre os contratos de Cespa co Concello
Por Alejandro Espiño
Aclarar os supostos casos de "enchufes" en Cespa por parte de membros do goberno do BNG e de funcionarios municipais. É o obxectivo principal que debe asumir a comisión de investigación que o Partido Popular solicitou este xoves. Independentemente da actuación xudicial, os populares entenden que se debe aclarar a relación entre a empresa e o Concello de Pontevedra.
Segundo Jacobo Moreira, nesta comisión terían que estar presentes todos os grupos políticos da corporación, e débese basear noutras dúas premisas, que o alcalde e os membros do goberno citados no informe policial non poden participar nesta investigación e que o traballo interno debe ser "transparente". Todo iso, dixo o portavoz popular, para "arrojar luz y taquígrafos" sobre este asunto.
Os edís do PP, a pesar de asegurar respectar a presunción de inocencia, entenden "necesaria" esta investigación interna. Especialmente, asegurou Moreira, no caso dunha empresa que é adxudicataria dun dos principais contratos da administración local, o da limpeza viaria e recollida de lixo, cifrado nuns seis millóns de euros anuais; e que asumirá desde este mes tamén o mantemento das zonas verdes da cidade.
O portavoz popular cre que esta comisión permitirá, precisamente, "analizar con detalle" a relación contractual de Cespa co Concello, sobre todo as ampliacións de contrato e as prórrogas concedidas nos últimos anos.
Ante esta situación, Jacobo Moreira afirmou que non é "correcto ni apropiado" que sexan os membros do goberno municipal os que investiguen as supostas irregularidades e asegurou que lle resulta "sorprendente" que o BNG alegue descoñecer a política de contratacións desta empresa porque ese control, sinalou, "debería ser continua" ao ser o goberno municipal o "principal interesado" en como funcionan as empresas que traballan para o Concello.
En todo caso, os populares anunciaron que non levarán este asunto ao próximo Pleno municipal porque o proceso de constitución dunha comisión de investigación "requiere diálogo entre todos los grupos para lograr así alcanzar un acuerdo previo", concluíu Moreira.
Relacionadas:
-
PP e BNG discrepan sobre un posible "pelotazo" nas prórrogas do contrato do lixo
Por Redacción |
-
O xuíz sobresé de forma provisional a causa dos supostos "enchufes" en Cespa
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Cespa comezará a encargarse das zonas verdes da cidade antes de que acabe o mes
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello nega "rotundamente" estar relacionado con enchufes nas contratacións de Cespa
Por Alejandro Espiño |
-
A xuíza da Operación Patos imputa a Louzán
Por Redacción |