Aprendendo a saborear as froitas de outono
Por Redacción
Animarse a probar sabores descoñecidos para a maioría deles. Ese foi o obxectivo do obradoiro ‘Froitas de outono’, organizado pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, e no que participaron arredor de 340 nenos e nenas dos colexios de Verducido e La Inmaculada (Marín).
Todos eles, de entre seis e doce anos, ademais de produtos típicos como as noces ou as castañas, tiveron o seu primeiro contacto coas feixoas, as guaiabas fresa ou os ‘kiwiños’.
A froita con máis éxito foi a feixoa, da que moitos nenos aínda seguiron comendo despois. "Houbo rapaces que ata chegaron a comer oito e dez feixoas e avisaban de que as pedirían logo na casa", indicou unha das profesoras do colexio marinense.
Este ano, os pequenos, ademais de realizar a degustación, tamén realizaron outros traballos paralelos sobre as froitas dirixidos polos profesores de Primaria, tales como murais ou fichas, entre outras actividades das clases de naturais.
Segundo destacou unha das mestras de Verducido que colaborou no taller, foi fundamental que as profesoras tamén comeran a froita xunto cos nenos, para dar exemplo e animalos: "o que máis nos importa é que se animen a probar cousas novas tendo unha referencia dos adultos. Non podemos pretender que os pequenos coman froita se aquí ou na casa os maiores non lla ofrecemos".
O colexio de Verducido, de feito, traballa noutras campañas de promoción da froita na escola e involucra a pais e nais que teñen árbores froiteiras para achegar á escola parte da súa produción e repartila entre os rapaces e rapazas.
As froitas cedidas pola Estación Fitopatolóxica aos centros escolares son plantadas e recollidas nas hortas do organismo provincial. Na unidade de fruticultura trabállase no estudo do comportamento de especies de froita de nova introdución e nos problemas que van xurdindo a medida que os cultivos e o mercado se adaptan.
Realízase tamén un seguimento anual dos parámetros de produción e calidade de diversas especies, centrándose actualmente en kiwi, kiwiño, feixoa ou mirabeis.