19 detidos na Operación Quente por distribuir cocaína, heroína e haxix
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional, no marco da Operación Quente, desarticularon un grupo que se dedicaba á venda de distintos tipos de sustancias estupefacientes, tras deter a 19 persoas e proceder á incautación de distintos cantidades de cocaína, heroína e haxix, así como útiles para a súa manipulación e dúas pistolas aptas para disparar.
A investigación atópase titelada polo Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa e comezou no mes de febreiro deste ano cando os investigadores tiveron coñecemento de que un grupo de persoas asentadas na comarca do Salnés estarían a realizar o transporte e abastecendo de distintos tipos de estupefacientes a persoas residentes noutros puntos de Galicia.
A principios de xuño, os axentes detiveron cinco dos principais integrantes do grupo, coincidindo con dúas das viaxes de transporte de substancias estupefacientes, unha procedente de Portugal e outra con destino a Ourense, cando os investigadores conseguiron deter dúas persoas que chegaran de Portugal cun paquete de heroina cun peso de 451 gramos e tamén outra persoa que transportaba un paquete dun quilogramo de cocaina desde O Salnés ata Ourense.
Por outra banda practicáronse tres rexistros domiciliarios incautando 451 gramos de heroína, 1.531 de cocaína, 1.297 de haxix en forma de landras, 732 gramos de substancia de corte para heroína e 630 gramos de substancia de corte para cocaína. Tamén incautaron 36 teléfonos móbiles, 43.525 euros en efectivo, dous coches e unha pistola real.
En xullo detivéronse 12 persoas, algunhas delas pertencentes a un chanzo superior da organización, en Vilanova de Arousa, Cambados, Sanxenxo, Cee e Ourense. Nesta ocasión incautaron 36 gramos de cocaína, 6.504 de haxix en landras e ferros; ademais dunha pequena cantidade de marihuana e 244 pastillas de metadona. Tamén se fixeron con 72.970 euros e cunha pistola de lume calibre 6,35.
Xa en setembro, os axentes do Grupo de Tráfico Medio detiveron unha parella que rexentaba un bar no municipio de Vilanova de Arousa e que participaba na distribución das sustancias estupefacientes no local. Tanto neste recinto como no domicilio incautouse de novo cocaína, haxix, substancia de corte e 14 móbiles e 2.689 euros.
O grupo tiña, segundo a Policía Nacional, unha gran mobilidade e desprazábase con frecuencia a Portugal para a adquisición de heroína.
Nove dos 19 detidos foron postos en liberdade tras prestar declaración en sede policial, coa obrigación de comparecer no xulgado cando sexan requiridos. Os demais están a disposición do Xulgado de Instrución tres de Vilagarcía, que decretou ingreso en prisión de sete deles.
A operación foi levada a cabo polo Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría de Pontevedra.