As rabexadas da operación antidroga 'Quente' deixan un novo detido, o cambadés 'Genucho'
Por Redacción
Eugenio Sande Baúlde, 'Genucho', vello coñecido das Forzas de Seguridade do Estado e investigado xa no ano 2002 coa incautación dunha tonelada de cocaína no veleiro Sarah Jane, ingresou este martes en prisión como presunto autor dun delito de tráfico de drogas. Foi detido o domingo cando levaba 1.144 gramos de cocaína ocultos nunha caleta do seu coche.
O home, de 42 anos e veciño de Vilariño (Cambados) xa tiña antecedentes policiais por tráfico de drogas. Nesta ocasión, acúsaselle da venda e distribución de cocaína, segundo informou a Policía Nacional.
A investigación que desembocou finalmente nesta última detención foi iniciada o pasado mes de febreiro coa denominada operación 'Quente', na que resultaron detidas 19 persoas e interviñéronse, ao longo das diferentes actuacións levadas a cabo polos investigadores, diferentes cantidades de cocaína, heroína e haxix, así como importantes cantidades de diñeiro en efectivo e dous armas de fogo.
Ao longo da investigación, os axentes policiais observaron a relación directa do agora detido con varios dos detidos con anterioridade, polo que unha vez pechada a operación 'Quente', continuaron as pescudas sobre as súas actividades. Comprobaron que continuaba coa súa actividade vinculada co tráfico de drogas e chegouse á hipótese de que anteriormente utilizaba a outras persoas para realizar o transporte e distribución de sustancia estupefaciente aínda que na actualidade, ao ser detidos e estar en prisión algúns dos seus colaboradores, el mesmo realizaba os transportes desde O Salnés cara a diferentes zonas de Galicia.
A pasada fin de semana estableceuse un dispositivo de vixilancia e seguimento na zona, e estableceuse un control policial na peaxe da autoestrada antes de Santiago de Compostela, onde lle deron o alto ao vehículo para a súa inspección. Coa axuda dos cans especializados da Unidade de Guías Caninos, realizaron unha inspección minuciosa do vehículo e establecéronse sospechos sobre unha zona concreta da parte dianteira do coche.
Os axentes continuaron cunha inspección máis en profundidade e localizaron un oco tras o cadro de mandos en cuxo fondo se podía ver un paquete envolto en plástico. Tras levantar o cadro de mandos, localizaron un paquete de forma rectangular perfectamente envolto e compactado, que resultou ser 1.144 gramos de cocaína.
O home foi detido e os axentes realizaron un rexistro no seu domicilio en Cambados, no que localizaron certa cantidade de diñeiro en efectivo, varios teléfonos móbiles e aparellos electrónicos e unha pequena cantidade de sustancia estupefaciente. Este martes, tras tomarlle declaración, o Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía decretou o seu ingreso en prisión.