A Fundación Amigos de Galicia potencia un programa de orientación laboral en Pontevedra
Por Redacción
A Fundación Amigos de Galicia poñerá en marcha, en colaboración co Concello de Pontevedra, o proxecto "Vía directa" para realizar itinerarios personalizados de inclusión para aquelas persoas que se envíen desde o departamento de Servizos Sociais municipais.
Este colectivo xa está a traballar nun programa de orientación laboral desde a súa sede na Casa da Luz co traballo por parte de dous técnicos que, desde agosto, remitiron a 50 persoas para participar neste programa no que o 60% das persoas non recibían ningún tipo de prestación, o 28% foron perceptores da renda de inclusión social de Galicia (RISGA) e o 12% percibían outras axudas. Destas 50 persoas escollidas, 20 traballaron na vendima e catro continúan empregados con contrato temporal.
Escóllense persoas no ámbito familiar que perciben o Risga cuxos beneficiarios teñen que renunciar a esta axuda cando conseguen un traballo. En Pontevedra perciben esta renda ao redor de 180 persoas.
Ese proxecto terminará en Nadal, pero a partir dese momento poñerase en marcha "Vía directa" no que se realizará un mapeo do traballo que se oferta na comarca. O obxectivo é coñecer cales son os empregos onde existe máis demanda de traballadores para ofrecer a formación necesaria, segundo explicou Begoña Núñez da Fundación Amigos de Galicia no Concello.
Na presentación deste proxecto, as concelleiras de Benestar Social e de Promoción Económica, Carmen Fouces e Anabel Gulías, sinalaron que o Concello está a realizar os labores que lle corresponden ao Inem que, segundo os datos que facilitaron, só coloca ao 1,9% da poboación parada no Estado.