O simulacro de accidente no campus permite mellorar a coordinación nas emerxencias
Por Redacción
O simulacro de accidente de tráfico realizado o pasado mércores no campus de Pontevedra deixou sensacións moi positivas, en materia de coordinación entre os diferentes servizos de emerxencias.
Así o destacou o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, tras a xuntanza de avaliación celebrada este martes no Pazo da Cultura. Asegura que se detectaron varios erros "o que nos permitirá estar mellor preparados para enfrontar situacións de emerxencia para as que afortunadamente non temos experiencia".
No simulacro interviñeron efectivos dos distintos servizos de emerxencia -Policía Local, Bombeiros e 061- que no seu día tiveron que avaliar a situación, atender e evacuar a nove persoas feridas de distinta gravidade, nunha colisión múltiple entre dous vehículos e unha bicicleta na que ían unha muller e unha nena.
O principal erro que se atopou se produciu entre servizos con modelos de intervención e mandos distintos. Ademais, probouse o sistema de 'onda verde' que permitiu que os semáforos da cidade se foran abrindo a medida que pasaban as ambulancias, o que fixo que a ambulancia tardara só catro minutos entre o campus e o hospital Montecelo.
Por elo, a reunión de traballo rematou con dúas conclusións: a necesidade de insistir neste tipo de operativos simulados para estar preparados fronte a calquera tipo de continxencia e o compromiso de elaborar un protocolo de coordinación que delimite as funcións, as responsabilidades dos mandos e as competencias de cada servizo.
Este simulacro foi a primeira actividade da campaña de sensibilización Cero Violencia Viaria (OVV), que continúa este mércores coa conferencia Con máis medios... conducimos mellor?, na que participarán a Policía Local, a DGT, o 061 e un condutor de rallys (18.00 horas, Salón de graos de Ciencias da Educación e o Deporte); e unha exhibición de baloncesto sobre rodas (19.30 horas, Pavillón de Ciencias da Educación e o Deporte).