Ultiman o regulamento para o cemiterio de San Xoán, que venderá novos nichos a 1.564 euros
Por Redacción
A ansiada ampliación do cemiterio de San Xoán de Poio está máis preto. O próximo Pleno da corporación municipal, que se celebrará o vindeiro martes 27 de outubro, aprobará o prego de cláusulas de contratación e o regulamento do camposanto, previsiblemente, cos únicos votos a favor do goberno municipal, integrado por BNG e PSdeG-PSOE.
En total, serán 528 novos nichos que poderán adquirirse de forma individual ou mediante a compra de panteóns enteiros. Segundo explica o goberno municipal repartiranse en 40 columnas de catro espazos, 22 panteóns de tres columnas e oito de dúas columnas. Cada un deles custará 1.564 euros, un prezo que se eleva ata os 6.000 euros se se opta por contratar columnas enteiras, que inclúen varias sepulturas.
Ademais, ofrecerase a posibilidade de que os interesados poidan quedar cunha parcela e encargarse eles mesmos das obras de construción. Terían que desembolsar entón 4.560 euros polo terreo e, aproximadamente, outros 4.000 euros para construír o panteón que en todo caso deberá respectar a normativa aprobada para todo o conxunto.
A propiedade dos nichos será sempre municipal e os que os soliciten recibirán a súa concesión por un prazo de 75 anos, prorrogables ata os 99, sinalou o Concello.
Tamén se inclúe dentro da nova normativa a posibilidade de traspasar a concesión dos nichos e panteóns entre particulares pero, para evitar a especulación sobre estes espazos, haberá que esperar polo menos tres anos para poder realizar ese cambio de titular.
A repartición de nichos realizarase por sorteo. Polo momento, hai xa máis dun centenar de solicitudes, polo que o goberno municipal espera que se cubra toda a oferta.
CRÍTICAS DO PP
Desde o Partido Popular lamentan que "salvo milagre de última hora", nacionalistas e socialistas aprobarán o martes esta nova normativa que, segundo Ángel Moldes, na práctica "eliminará os dereitos das familias", xa que os veciños perderán a propiedade dos nichos e panteóns "que lles foron legados desde hai varias xeracións".
Os populares aseguran que é "incomprensible" a présa do Concello para aprobar esta normativa "lesiva" para os veciños, especialmente para os que teñen propiedades no cemiterio vello. Ademais, Moldes lamenta a "opacidade" coa que se xestionou este asunto e que derivou nunha regulación "que non achega ningunha solución nin protexe os intereses dos veciños".
O portavoz do PP avanza que esgotarán todas as opcións ao seu alcance para que os cidadáns "poidan reivindicar os seus dereitos" e buscar unha solución a este problema "serio" para todos aqueles que "teñen aos seus antepasados no cemiterio e que desexan poder conservar un legado tan importante e deixarllo aos seus fillos e netos".