Poetarras amenizará este sábado o magosto de Galiza Nova en Pontevedra
Por Redacción
A praza da Pedreira acollerá este sábado 24 de outubro, a partir das oito da tarde, un magosto organizado por Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG.
Desde este colectivo, animan á mocidade de toda a comarca a achegarse a Pontevedra e participar nesta festa na que haberá xogos populares, castañas de balde e comida e bebida a prezos populares.
Poetarras será o protagonista da xornada. Este grupo galego, que se converteu nun fenómeno das redes sociais, descríbese como "colectivo arterrorístico de Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde cuxo obxectivo principal é ofender a SOMEBODY en SOMEWHERE por SOMETHING a través de sketchs". Nesta ocasión, poderán presentar as súas novas cancións, que xa suman miles de visitas no Youtube.
Tamén haberá a intervención política de Alberto Oubiña, membro de Galiza Nova e concelleiro en Pontevedra, que presentará a nova campaña de emprego que Galiza Nova botou a andar o 12 de outubro baixo o lema "Racha coa dependencia. Traballo e liberdade para a mocidade galega".
Ademais, as mocidades do BNG animan a que as persoas asistentes traian instrumentos para participar na foliada que pechará o magosto deste sábado.