Novas Xeracións volta cos 'Poetarras' e denuncia o "escurantismo" do Concello
Por Redacción
O 27 de outubro Novas Xeracións de Pontevedra emitía un comunicado cargado de polémica. Denunciaba a actuación do grupo 'Poetarras' no magosto popular de Galiza Nova e atribuía a este grupo galego unha "apoloxía do terrorismo" e "falta de respeto" ás vítimas, chegando a chamarlle, no titular,"proetarras", confundindo o nome do grupo, sen "r", cunha presunta ideoloxía terrorista que non teñen. Este luns día 9 de novembro, os mozos do PP volven poñer de actualidade a esta agrupación musical, nesta ocasión, para denunciar "escurantismo" por parte do Concello de Pontevedra ao non informar sobre o financiamento da súa actuación.
Novas Xeracións emitiu un novo comunicado que datan, de novo, no 27 de outubro, pero foi enviado aos medios este luns. Nel indican que solicitaron, a través do grupo municipal do PP, a información relativa ao permiso que o Concello de Pontevedra outorgou a Galiza Nova, a mocidade do BNG, para a celebración do devandito evento, pero o Goberno local "veta o dereito á información".
Segundo indican, o Concello incumpriu a lei de acceso á información e transparencia, pois "expirou o prazo legal" para que o Concello facilitase a información ao grupo municipal e non o fixo. Novas Xeracións considera que negar o dereito á información obedece a que tanto o Concello de Pontevedra como Galiza Nova "teñen moito que esconder".
Os mozos do PP mesmo van máis alá e indica que "o financiamento da festa dos mozos independentistas", en alusión ao magosto de Galiza Nova, foi a cargo de todos os veciños de Pontevedra e "sen cumprir a propia normativa municipal".
No seu primeiro comunicado, Novas Xeracións pedía "responsabilidade" ao secretario comarcal de Galiza Nova, Alberto Oubiña, porque, como concelleiro do BNG no Concello entenden que "debe respecto a todos os veciños, máis alá dos seus curiosos gustos musicais". Na súa opinión, concertos deste tipo "non deben repetirse en espazos públicos".