O SEK Atlántico, premiado como mellor colexio privado de Galicia
Por Redacción
O colexio internacional SEK Atlántico de Poio recibiu este ano o Premio Executivos Galicia concedido á Mellor Institución Privada de Ensino. Entre outros motivos, os organizadores recoñecen que ofrece "unha educación internacional de máxima calidade a través do desenvolvemento pleno do potencial de cada un dos seus alumnos" e converteuse nun "referente educativo na zona galega".
Segundo informou o SEK a través dun comunicado, o director do colexio, Jacobo Olmedo, recolleu o premio, que outorga a revista Executivos dende hai cinco anos, nun acto celebrado no Hostal dos Reis Catolicos de Santiago de Compostela. Como en edicións anteriores, o acto congregou a destacadas personalidades do mundo político, social e empresarial de Galicia.
A revista Executivos recoñece con estes premios "o excelente traballo de empresas, executivos e institucións da comunidade galega, que co seu esforzo e dedicación contribúen ao crecemento da rexión e á recuperación económica do noso país, destacando de maneira singular en cada un dos seus sectores".
O SEK Atlántico fundouse no ano 1989 e forma parte da Institución Educativa SEK -Colexios Internacionais SEK e Universidade Camilo José Cela-. Con máis de 650 alumnos en todas as etapas educativas e unhas instalacións renovadas, os organizadores destacan que "pode presumir" de ser o único colexio en Galicia que ofrece os programas de Bacharelato Internacional (IB) e está en proceso de autorización do Programa do Diploma. Na súa aposta diferenciadora tamén destaca o bilingüismo e a incorporación da tecnoloxía ás aulas.