Tino Fernández: "A sensación que dá é que o verdadeiro alcalde de Pontevedra foise á Deputación"
Por Redacción
Os orzamentos da Xunta de Galicia para 2016 e as partidas asignadas a proxectos no Concello de Pontevedra son, en opinión do PsdeG-PSOE, unha demostración do "pouco peso político" que ten o municipio para o Goberno autonómico, pois "non hai nada novo e que do que hai, hai pouco", en alusión a que tan só se destinan cinco millóns ao novo edificio xudicial da Parda e dous millóns á EDAR de Lourizán.
O portavoz municipal socialista, Tino Fernández, e a deputada autonómica Patricia Vilán realizaron este xoves unha valoración das contas con especial mención aos escasos 26.000 euros previstos para o novo hospital de Monte Carrasco e a que os cinco millóns do edificio xudicial coinciden co diñeiro que terá que abonar o Concello a Sogama, de modo que "ou comido polo servido".
En opinión de Tino Fernández, o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo está "xerando unha débeda con Pontevedra" dende o ano 2009, pero o "problema" non é só ese, senón que "quen ten que negociar e conseguir cousas, non está a iso", an alusión a que o alcalde, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, non exerce como tal.
Respecto diso, tirou dun exemplo televisivo para comparar a Lores co personaxe de debuxos animados Calimero, que se dedicaba a "queixarse de que vos demais non lle fan caso". Para Tino Fernández, "a sensación que dá é que o verdadeiro alcalde de Pontevedra foise á Deputación e aquí deixounos un holograma político que non dá conta do recado", en referencia a que o concelleiro César Mosquera agora é vicepresidente provincial. Na súa opinión, o Goberno local de Pontevedra leva o últimos catro meses desde que se constituíu a Corporación Provincial "á deriva" e con "decisións aturulladas".
Patricia Vilán critica que os orzamentos de 2016 apostan por un "proxecto de país insolidario e inxusto" no que, en toda a provincia de Pontevedra, tan só dedícase unha media de 107 euros por concello a axudas á dependencia ou 383 euros por municipio en atención a mulleres maltratadas.