A Deputación critica as "serias carencias" que presenta o orzamento da Xunta respecto da provincia
Por Redacción
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, criticou as "serias carencias" que presenta o orzamento da Xunta de Galicia respecto da provincia de Pontevedra.
Carmela Silva lamentou que o Goberno galego "non teña claro cales son as necesidades en infraestruturas ou conexións aeroportuarias", deste territorio.
Igualmente, segundo a Presidenta da Deputación, o orzamento da Xunta tampouco contempla as "necesidades sanitarias" desta provincia e censurou que "aposte esclusivamente por dedicarlle diñeiro a un hospital privado que presta un servizo deplorable". Ademais engadiu que tampouco inclúe partidas para que se poida prestar un servizo de calidade nos concellos, deixando sen responder ás "múltiples demandas de construción de centros de saúde".
As críticas de Carmela Silva ao orzamento do goberno de Núñez Feijóo para 2016 estendéronse a todas e cada unha das áreas, con especial énfase na educación, emprego, atención aos maiores ou a cultura.
"Non hai absolutamente ningunha liña económica de desenvolvemento para Galicia", Carmela Silva
"Non hai absolutamente ningunha liña económica de desenvolvemento para Galicia", e por tanto, tampouco para a provincia de Pontevedra, sinalou Silva na súa valoración.
Por este motivo, a presidenta provincial pregunta cal é a aposta que fai o Executivo autonómico para o desenvolvemento de sectores produtivos, "que modelo económico quere poñer en marcha a Xunta de Galicia?", preguntou Silva.
Finalmente, a política socialista resumiu que os orzamentos do Goberno galego "son anuncios, lixeireza, xusto o que non deben buscar as institucións", o que lle lembrou á foto de entrega de vehículos para as dotacións de Protección Civil protagonizado polo vicepresidente, Alfonso Rueda, "nunha imaxe caciquil e doutro tempo".
Para rematar, Carmela Silva engadiu que este "non é un orzamento do século XXI".
CÉSAR MOSQUERA
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera (BNG) sumouse ás críticas feitas por Carmela Silva aos orzamentos da Xunta engadindo que o documento económico demostra a "falta dun modelo claro" polo que cualificou á situación de "francamente tráxica".
RAFAEL LOUZÁN
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, valorou positivamente os orzamentos para o próximo ano e agradece o esforzo inversor da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, cun investimento que supera os 436 millóns de euros.
"Son uns orzamentos nos que se atenden as cuestión básicas que a sociedade demanda e que marcan claramente o eixe destes presupostos”, indica Louzán.
Louzán agradeceu o "esforzo inversor" da Xunta na provincia de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Carmela Silva, sobre os novos orzamentos: "Acabáronse os repartos por simpatía, afiliación ou intereses electorais"
Por Redacción |
-
Tino Fernández: "A sensación que dá é que o verdadeiro alcalde de Pontevedra foise á Deputación"
Por Redacción |
-
O Concello ve nos Orzamentos 2016 da Xunta "un insulto" aos veciños e o PP "compromisos cumplidos"
Por Redacción |