Carmela Silva, sobre os novos orzamentos: "Acabáronse os repartos por simpatía, afiliación ou intereses electorais"
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (PSOE), amosouse este xoves moi crítica coa política do anterior responsable provincial, Rafael Louzán (PP), á hora de elaborar os orzamentos anuais da institución e asegurou que chegou unha nova época na que "acabáronse os repartos por simpatía, proximidade, afiliación ou intereses electorais. Comeza un novo modelo igualitario e xusto".
Carmela Silva compareceu no Parlamento de Galicia e detallou un orzamento para o ano 2016 no que "a distribución será xusta, obxectiva e equitativa. Acabáronse as dádivas do anterior presidente. Acabouse a libre disposición de millóns de euros" fronte ao que acontecía ata agora. Nesta "nova Deputación" os 62 concellos da provincia serán tratados "de igual a igual" e "baixo os principios de equidade, concertación, cooperación e colaboración".
Entre as demandas que trasladou á Xunta encontrase a petición de ampliación do Hospital Montecelo "e que se renuncie á construción dun novo hospital que só serviría para favorecer o negocio duns poucos", en alusión ao proxecto de Monte Carrasco.
A presidenta da Deputación mantivo tamén na súa intervención a necesidade de que a Xunta de Galicia, cuxos orzamentos están agora en trámite no Parlamento, inclúan recursos suficientes para facer fronte ás demandas do conxunto dos concellos da provincia. Entre eles, Carmela Silva, destacou a reparación e modernización dos centros educativos "que se atopan, en moitos casos, en situacións intolerables". O mantemento dos centros de saúde e a construción de novos centros de atención sanitaria que "levan anos reclamando os alcaldes e alcaldesas e que en moitos deles ata cederan os terreos", son outras das peticións.
Na mesma sesión no Parlamento, a viceportavoz do grupo popular, Marta Rodríguez Arias, afirmou que o novo goberno da Deputación de Pontevedra prometeu novos plans, novos servizos, nova imaxe e un goberno aberto e ao lado da cidadanía, pero, en realidade, ten "un goberno un 63 por cento máis caro, que dá portazos aos cidadáns e cun plan de emprego totalmente electoralista".
Logo da comparecencia da presidenta da Deputación de Pontevedra na Comisión de Orzamentos do Parlamento, Marta Rodríguez manifestou que "presumen de transparencia, pero parece que lle molesta vir dar conta dos orzamentos ao Parlamento de Galicia".
Relacionadas:
-
A Deputación critica as "serias carencias" que presenta o orzamento da Xunta respecto da provincia
Por Redacción |
-
Carmela Silva, con respecto a Monte Carrasco: "Nin en Pontevedra nin en Vigo nin en Vilagarcía, non aos hospitais privados"
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación de Pontevedra constitúe a súa nova Xunta de goberno
Por Redacción |