A tartaruga Eduma, da UCI ao porto do Grove
Por Redacción
A tartaruga Eduma foi localizada no mes de xuño na costa da Mariña lucense, no Concello de Foz, nun estado de saúde tan delicado que tivo que recibir coidados específicos para a súa recuperación na unidade de coidados intensivos (UCI). Tres meses despois, este xoves, foi liberada no porto do Grove.
No mes de xuño acabou na UCI para tartarugas mariñas porque os técnicos da Unidade Móbil de asistencia de varamentos do Cemma (Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños) que recolleron o exemplar observaron que tiña un comportamento pasivo, presentaba unha extrema delgadez (pesaba 1.600 gramos e medía 29 centímetros) e tiña feridas nas aletas e no caparazón.
Segundo informou a Xunta de Galicia, o réptil foi recuperando lentamente a medida que gañaba peso e cicatrizaban as súas feridas. Na segunda fase de recuperación, procedeuse ao traslado a unhas instalacións de maior capacidade no acuario do Grove para que puidera nadar e alimentarse adecuadamente, así como recuperar máis peso e mobilidade. Finalmente, acadou un peso de dous quilos e unha lonxitude de 30 centímetros, polo que se atopaba preparado para a súa solta no mar.
Co obxectivo de coñecer información sobre as rutas e comportamentos destes animais mariños, Eduma foi marcada con un emisor satélite -tal e como se fixera coa tartaruga Rostro, tamén liberada este ano-, que facilitará datos que se integrarán ao proxecto de colaboración coa Sociedade portuguesa para a Vida Salvagem, coa que se desenvolven actividades dende hai máis de quince anos.