Loito na política e a sociedade pontevedresas polo pasamento de Ricardo Aguilar
Por Redacción
A política e a sociedade pontevedresa está de loito pola morte, na mañá deste venres 23 de outubro, do ex concelleiro do PP e arquitecto Ricardo Aguilar Argenti. O pasamento ocasionou múltiples mensaxes de cariño por parte da sociedade de Pontevedra e da súa clase política, que destaca a traxectoria e personalidade do fallecido.
O seu propio partido, o PP local, foi o primeiro en manifestar publicamente as súas condolencias e trasladar que toda a agrupación "lamenta profundamente" o pasamento de quen foi concelleiro en Pontevedra entre os anos 2007 e 2015. Casado e con dos fillos, o político non quixo deixar a política a pesar de padecer un grave cancro, de maneira que nas últimas eleccións municipais de maio repetiu na lista 'popular' ocupando o número 11. Finalmente, quedou fóra da Corporación.
O PP lamentou despedir a "unha gran persoa e un gran compañeiro" e o seu presidente local, Jacobo Moreira, indicou que o seu partido perdeu, coa súa morte, "todo un referente en materia urbanística" e "un histórico militante, defensor de Pontevedra e sen dúbida algunha un importante apoio dentro do partido".
O Concello de Pontevedra tamén lamentou a morte de Ricardo Aguilar Argenti, que tiña 67 anos e un cancro dende hai máis dun ano, e trasmítelle as súas condolencias a toda a súa familia, así como a todos os seus amigos, achegados e compañeiros de Corporación e do PP.
Dende o Concello destacan que Ricardo Aguilar está moi presente aínda na vida municipal da que formou parte ata o pasado mes de xuño e durante todos os anos que participou na Corporación "amosouse como un digno representante da sociedade pontevedresa, destacando polas súa prestancia, elegancia e coidados nas formas, tan importantes na vida política". Destacan a súa figura como "gran coñecedor do urbanismo pontevedrés".
A súa familia pediu velalo e enterralo na intimidade, pero este sábado celebrarase un funeral público ás 18.00 horas na basílica de Santa María.
Relacionadas:
-
Falece o arquitecto e ex concelleiro do PP Ricardo Aguilar
Por Redacción | Creada e actualizada