A ONU ondea en Pontevedra
Por Redacción
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra súmase este sábado á campaña que conmemora o 70 aniversario da creación da Organización de Nacións Unidas. A bandeira da organización ondea na sede gobernamental da praza de España.
A bandeira tamén se colocou na Delegación do Goberno e nos edificios das subdelegacións das catro provincias galegas como parte dunha homenaxe que se realiza co obxectivo de reafirmar o compromiso do Goberno e do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación a favor dos propósitos e principios da ONU.
Esta e outras accións por parte das distintas administracións levarán a cabo este sábado no contexto da campaña lanzada pola organización 'Volvamos el mundo azul-Naciones Unidas' (Turn the World UN Blue) que promove tamén a iluminación de monumentos simbólicos das cidades.
Este aniversario coincide, ademais, coa presidencia española do Consello de Seguridade de Nacións Unidas, así como cos 60 anos do ingreso de España na organización, que terá lugar o próximo 15 de decembro.