O Goberno cede a Poio unha parcela de 60.000 metros cadrados na Reiboa
Por Redacción
A Administración Xeral do Estado cederá gratuitamente ao Concello de Poio unha parcela de 59.256 metros cadrados situada no lugar da Reiboa para que a destine a equipamentos municipais, en concreto, un almacén municipal, instalacións deportivas, aulas para impartir cursos de formación, o CEIP Isidora Riestra, parques e xardíns.
A cesión aprobouse a través dunha orde ministerial aprobada o 20 de outubro. Esta parcela formaba parte do dominio público marítimo-terrestre e foi desafectada mediante orde ministerial do 21 de maio de 2015 e acta de desafectación do 23 de xuño de 2015.
Sobre a devandita parcela existiu unha concesión administrativa a favor do Concello de Poio, outorgada o 4 de febreiro de 1987 polo entón Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo, por un prazo de corenta anos. Con todo, a concesión quedará extinguida coa aprobación desta cesión gratuíta, por confusión do titular da concesión e do cesionario.
O Concello comprometeuse a levar a efecto a regularización rexistral da parcela, pois a mesma non se atopa inscrita no Rexistro da Propiedade.