Portos polacos interésanse pola calidade operativa do porto de Marín
Por Redacción
Unha delegación polaca entre a que se atopaba Jan Lewko, director de Mercado e Desenvolvemento do porto de Gdynia, en Polonia, visitaron as instalacións do Porto de Marín para coñecer de preto a súa organización e funcionamento. Gdynia é o maior porto de Polonia, está situado estratexicamente no Mar Báltico e ten un tráfico anual que alcanza os 17 millóns de toneladas de mercadoría.
O directivo do porto polaco participou estes días nunha misión comercial organizada pola Cámara de Comercio de Vigo, dentro da que se enmarcou a visita realizada a Marín. Xunto a Jan Lewko, acudiron ao Porto de Marín o Director de Investimentos e Desenvolvemento da Zona Económica Especial de Pomerania e directivos de empresas privadas do país como Trade and Travel Company, AHB Service, Pol-Mare, Emerald Group ou Ciecholewski Wentylacje.
A delegación polaca mantivo un encontro de traballo na sede da Autoridade Portuaria con directivos do Porto de Marín na que se mostraron gratamente sorprendidos polo modelo de xestión implantado e a calidade operativa coa que se traballa nesta rada. A continuación participaron nunha visita guiada ás principais instalacións portuarias, entre elas ás infraestruturas dedicadas a talleres e reparacións e ao estaleiro Nodosa.