A Garda Civil detén nove integrantes do armazón de apoio a Resistencia Galega
Por Redacción
Axentes da Garda Civil, en coordinación coa Fiscalía e baixo a dirección do Xulgado Central de Instrución en funcións de garda da Audiencia Nacional, detiveron este venres no marco da "Operación JARO", nove persoas acusadas de integración en banda terrorista.
As detencións producíronse nas localidades de Pontevedra, Boiro, Muros, Santiago de Compostela e Vigo.
Dentro da organización, segundo informou o Instituto Armado, os detidos terían desenvolvido un papel activo coa realización de diversos actos de enaltecemento do terrorismo, entre eles a organización do Día da Galiza Combatente, cuxa última edición celebrouse o pasado 11 de outubro.
Os arrestados constitúen o núcleo dirixente da organización Causa Galiza e participaron no referido acto, así como noutros nos que se desenvolveron accións de enaltecemento do terrorismo levado a cabo pola organización Resistencia Galega, herdeira do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive.
Durante a celebración do Día da Galiza Combatente, segundo as investigacións policiais, homenaxeouse a dous membros da organización "Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive", falecidos o 11 de outubro de 1990 cando colocaban un artefacto explosivo nunha discoteca de Santiago de Compostela, na que tamén resultou falecida unha terceira persoa e houbo case medio centenar de feridos.
Os axentes da Garda Civil están a realizar dez entradas e rexistros ordenados pola Autoridade Xudicial: nove nos domicilios de sete dos detidos, e un máis no local utilizado habitualmente pola organización.
A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.