O PP de Ponte Caldelas acusa o alcalde de "enganar " os comerciantes
Por Redacción
O PP de Ponte Caldelas acusou ao alcalde Andrés Díaz de "enganar" aos comerciantes "impulsando a edición dunha revista sobre ofertas do comercio local que ao final tivo que pagar a propia asociación COEMPO", Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas.
Segundo os populares, Andrés Díaz prometéralles que a revista a financiaría o Concello, cando ao final non foi así xa que a tiveron que pagar os comerciantes a través da súa asociación.
Desde o grupo municipal do PP en Ponte Caldelas apuntan que sempre defenderon que as iniciativas para promocionar o comercio local deberían xurdir dos propios comerciantes, e que para iso o Concello aproba todos os anos unha subvención anual para COEMPO que ascende a 9.000 euros.
O PP pide ao alcalde "que non volva enganar así aos comerciantes", e que siga apoiándoos "cunha subvención anual cada ano maior, para que sexan os propios comerciantes a través de COEMPO os que decidan a que queren destinar esa subvención".
"Todos somos conscientes da crise pola que pasa o comercio local, pero non é algo exclusivo de Ponte Caldelas; é algo xeral que ten que ver coa falta de recursos de moitas familias", concluíron os populares.