Os turistas van a máis na comarca
Por Redacción
O balance non pode ser máis positivo. Entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2015 as oficinas de turismo da Deputación Provincial na comarca de Pontevedra recibiron 27.173 visitantes, o que significa un incremento do 77,3 por cento con respecto ao mesmo período do 2014. Este incremento é moi superior ao rexistrado no resto da provincia, onde o número de visitantes aumentou un 18,6 por cento.
Segundo os datos que manexa a Deputación Provincial, o 40,55 por cento dos turistas que visitaron a comarca de Pontevedra aloxáronse durante 7 días ou máis en Sanxenxo, Pontevedra, Santiago de Compostela, O Grove, Poio, Vigo, A Coruña, Cambados, Vilanova de Arousa e Cangas.
A oficina de turismo central de Turismo Rías Baixas, no Palacete das Mendoza de Pontevedra, recibiu este verán un 67,13 por cento máis de turistas que durante o pasado ano. A porcentaxe maioritaria de turistas tiñan entre 35 e 60 anos, procedían do noso país pero non eran galegos, aloxáronse en hoteis, viñeron en coche e non coñecían o destino Rías Baixas que seleccionaron pola súa natureza.
Unha das oficinas das que se teñen datos é a de Cuntis, municipio que recibiu un 31,58 por cento máis de turistas que durante o 2014, a maioría persoas maiores de 60 anos, procedentes doutras zonas de España e que chegaron en coche.
A oficina de turismo de Poio recibiu un 90 por cento máis de visitantes que durante o verán de 2014. A porcentaxe maioritaria de turistas tiñan entre 35 e 60 anos, procedían do noso país pero non eran galegos, aloxáronse en hoteis, viñeron en coche e non coñecían o destino Rías Baixas que seleccionaron por aspectos culturais.