Na procura de #EstudiantesConTalento
Por Redacción
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación quere achegar aos seus alumnos ao mercado laboral e, nese camiño, uniuse ao concurso #EstudiantesConTalento, promovido pola consultoría de patrocinios InfinitC coa idea de "axudar aos estudantes universitarios apaixoados polo márketing, a publicidade, a comunicación e o patrocinio, ao mundo laboral".
O concurso busca situar ao alumnado diante dun proxecto real e ante a posibilidade de enfrontarse "ao reto que lles propoña unha empresa". Aberto ao alumnado de calquera grao, este certame propón aos estudantes realizar un traballo de comunicación ou márketing para unha das seis empresas participantes no proxecto, optando así "a un primeiro premio de 2.000 euros e á posibilidade de realizar prácticas nos departamentos de márketing destas compañías", segundo relatou no campus a responsable desta iniciativa, Sonsoles Durán.
As empresas participantes son o Banco Santander, Yoigo, Coca-Cola, Gaes, Gallina Blanca e Affinity. Ao concurso non só poderá concorrer o alumnado de Publicidade e Relacións Públicas, senón estudantes de grao de calquera titulación e universidade, sempre e que se atopen entre o seu segundo e o seu último ano de carreira.
O prazo de inscrición permanece aberto ata o 14 de decembro e os participantes disporán ata o día 18 para presentar os proxectos realizados en resposta á petición da empresa que lles corresponda. Só por participar e enviar o seu traballo, xa entran no sorteo de 2.000 euros, pero logo seleccionaranse cinco finalistas por cada marca, que acudirán á propia sede de empresa a presentar a súa idea aos responsables de márketing da compañía.
Na segunda fase decidiranse os seis gañadores, aos que se lles outorgará a posibilidade de realizar unhas prácticas de entre tres e seis meses na empresa que centrou o seu traballo e de acudir a unhas conferencias sobre patrocinio organizadas por InfinitC. O concurso complétase cunha última fase na que se escolle o mellor dos seis proxectos premiados.