Marea Pontevedra demanda un comedor social alternativo ao de San Francisco
Por Redacción
A concelleira da Marea, Carmen Moreira, e a responsable de Políticas Socias, Herminia Dios, acompañados de outros membros da formación, compareceron na entrada do comedor de San Francisco para esixir un maior compromiso do concello coas persoas sen recursos que habitualmente acoden a este lugar a xantar.
O acto serviu para presentar unha moción para que o Concello habilite un servizo de comedor social alternativo, optimizando recursos dos que xa dispón, para facilitar que os domingos e festivos relixiosos poidan seguir recibindo un xantar as persoas que quedan sen o servizo ao que recorren a diario no Comedor de San Francisco, dado que o persoal técnico e o voluntariado con que este conta non ten dispoñibilidade eses días.
O Comedor de San Francisco, xestionado polo Pai Superior da Comunidade Franciscana de Pontevedra, leva funcionando 27 anos (desde o 13 de xuño de 1988).
A súa principal actividade é dar un xantar de luns a sábado (os domingos e festivos relixiosos quedan excluídos), entre as 13:00 e 14:30 horas, a unha media de 110 persoas por día. A demanda que teñen fai que deban ofrecer dúas quendas, xa que o aforo do comedor é tan só de 66 persoas. Isto obriga, para un desenvolvemento axeitado do servizo, a un maior esforzo tanto do persoal técnico contratado (a cociñeira, a axudante de cociña e a educadora social) coma do Pai superior da comunidade e do equipo de voluntariado, formado por outras 20 persoas.
Alén do xantar propiamente dito, ofrécense tamén bocadillos, froita e iogures ás persoas que os recollen para levalos para a súa casa, ou asesoramento, a cargo da educadora, en materias como a das axudas e prestacións sociais, a dos procedementos de presentación de documentación ante as administracións públicas, ou a busca de formación ou emprego.