O ministro de Industria felicita a Sanxenxo pola súa promoción turística
Por Redacción
A World Traver Market de Londres foi o escenario no que o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e o concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro, mantiveron unha primeira reunión co ministro de Industria, Juan Manuel Soria, na que abordaron diferentes cuestións relacionadas coa importancia do sector turístico en Sanxenxo e de continuar traballando, conxuntamente con outras administracións, en que a calidade sexa o selo distintivo do destino.
Juan Manuel Soria felicitou á delegación de Sanxenxo por apostar pola promoción presencial na feira máis importante do Reino Unido, un mercado moi atractivo para os destinos españois máis destacados.
Durante os tres días que Gonzalo Pita e Jesús Sueiro dedicaron á promoción de Sanxenxo en Londres tiveron tamén ocasión de participar nunha recepción organizada por Turespaña na embaixada española en Londres para operadores de turismo ingleses, onde tiveron a oportunidade de volver conversar tanto co ministro de Industria como coa secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego.
Tanto o alcalde como o edil de Turismo mantiveron en Londres reunións individuais con Food and Travel, a revista de turismo e gastronomía máis importante do Reino Unido, e con Inntravel.
Na axenda de reunións destaca tamén a mantida coa almacenista do produto Europa Senior Tourism, de Seggitur, para o Reino Unido. Cabe lembrar que este plan está destinado a frear a estacionalidade a través da organización de viaxes en grupo, parcialmente bonificados, dirixidos a cidadáns europeos de 55 anos ou maior idade, con posibilidade de acompañante, que viaxen a España en tempada media e baixa.
En Galicia, xunto a Sanxenxo foron aceptados os municipios da Coruña, Vigo e Baiona, tras cumprir os requisitos esixidos para formar parte deste programa Gonzalo Pita mostrouse extraordinariamente satisfeito polo resultado destas xornadas de traballo en Londres, onde tivo a oportunidade de comprobar que Sanxenxo esperta moito interese entre os profesionais do turismo no Reino Unido.
A delegación de Sanxenxo, integrada por un nutrido grupo de hostaleiros e empresarios turísticos, tivo a oportunidade de dar a coñecer o destino en xeral, ofrecendo a calidade como un aceno de identidade dos establecementos locais.
"Penso que Londres ten que pasar a formar parte da nosa axenda promocional, tendo en conta non só o interese que desperta entre os ingleses a gastronomía e o clima galego en xeral e de Sanxenxo en particular, senón porque se trata tamén dun mercado moi atractivo para nós e co que hai que empezar a traballar de xeito constante", explica Gonzalo Pita.
O balance para Jesús Sueiro é tamén moi positivo. "Sanxenxo cada vez ten máis cliente británico e eso ten que telo moi en conta a administración local. É un perfil de cliente moi fiel, de nivel adquisitivo medio alto e que nos visita ao longo de todo o ano e non especialmente en temporada estival", explica o concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro, quen destaca a boa impresión que de Sanxenxo teñen os operadores de turismo que traballan xa con este destino.
Relacionadas:
-
Marcando a pauta a Sanxenxo para converterse en destino turístico intelixente
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo promociónase no World Travel Market de Londres
Por Redacción |
-
Turismo de Sanxenxo xa é unha empresa 100% pública
Por Redacción |
-
Unha "operación acordeón" para converter Turismo de Sanxenxo en empresa municipal
Por Redacción |
-
Sanxenxo repite como destino para europeos maiores de 55 en tempada baixa
Por Redacción |