A Asociación de Mulleres Intercambio do Saber organiza unha charla coloquio
Por Redacción
A Asociación de Mulleres Intercambio do Saber de Marín, celebrará unha charla coloquio o vindeiro día 20 de novembro con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
O acto terá lugar na Biblioteca Municipal ás 20.00 horas e contará coa participación da presidenta da asociación "Si, hai saída", Marta Rodríguez Engroga e a parlamentaria Carme Adán.
Un dos seus fins como asociación é promover a igualdade entre homes e mulleres e contribuír, dentro das nosas posibilidades, a combatir o problema da violencia de xénero que tantas vítimas provoca na nosa sociedade. "A violencia machista afecta a todas, indistintamente da clase social ou do nivel cultural, e o número de mulleres asasinadas indica que falta moita información e que aínda hai demasiada tolerancia arredor deste problema", sinalan.
Por outra parte, a que fora secretaria xeral de Igualdade no goberno bipartito da Xunta, Carme Adán, fará unha analise do avanzado politicamente para superar este grave problema e do que aínda queda por mellorar e que veñen propoñendo moitas asociacións de mulleres pero que a lei aínda non recolle.