O Concello de Bueu presenta un programa "moi variado" para as festas de San Martiño
Por Redacción
O Concello de Bueu xa dispón do cartel coas diversas actividades que van ter lugar nos xardíns Urbano Lugrís con motivo da celebración das festas patronais de San Martiño, festivo local.
Así, todas as idades disporán de actividades, comezando o programa o sábado 7 cun magosto das ANPAS ás 17 horas, con entrada libre para todas as persoas. O domingo 8 pola mañá arrancará a XX Carreira Pedestre de San Martiño con máis de 600 inscritos e que rompe todas as expectativas deste ano. E o mesmo domingo ás 18 horas actuará o grupo Traspés de Varanda, dedicado á recuperación e difusión do folclore tradicional.
Tamén se organiza unha andaina e xornada de fotografía micolóxica, na que a partir das 10 horas os participantes descubrirán variedades de cogomelos por Ermelo, Pouso das Cruces e Paralaia durante tres horas. As fotografías que resulten gañadoras serán expostas no Centro Social do Mar do 16 ao 20 deste mes no marco das XVIII Xornadas Micolóxicas.
O mércores 11 e o xoves 12 serán os días grandes coa celebración do San Martiño. O mércores amenizará o pasarrúas ás 10 horas a Banda de Música Artística de Bueu, dando paso ás 12.30 á misa solemne na honra de San Martiño cantada pola Coral Maruxía de Bueu e posterior procesión. Pola noite as orquestras Gran Parada e Esencia poñerán a música de baile.
Tamén o mércores haberá un maratón de fotografía a partir das 11, do que se colgarán as bases proximamente na páxina web do Concello.
E o xoves volverá haber pasarrúas da man dos grupos A cabeza non Para e Amigos e Colores, e logo a celebración da misa na honra de San Roque será ás 12.30, e ás 22 horas actuarán as orquestras Pontevedra e Palladium.
O programa culminará con dúas xornadas de teatro, que se desenvolverán o venres 13 e o sábado 14, tamén nos xardíns Urbano Lugrís a partir das 17 horas. O venres, os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos poderán gozar da representación de A historia de Brancaflor, a cargo da compañía Os sete magníficos máis un. E o sábado 14, Dani García co espectáculo Volta á maxia.
Na organización destas actividades interveñen o Concello de Bueu, a Asociación Troula na Banda, a Asociación Bueu en Festas, a Federación de ANPAS de Bueu e o Club de Atletismo Corredoiras, e colabora a Deputación de Pontevedra.