O arrecendo das castañas asadas notarase este sábado en Pontevedra e Poio
Por Redacción
Os tradicionais magostos desta época do ano chegarán ao seu esplendor a próxima fin de semana. Toda a cidade de Pontevedra cheirará a castañas asadas este sábado 7 de novembro, grazas aos magostos que se celebrarán en distintos barrios.
Na praza da Curtidoira, están previstas actividades a partir das 18.00 horas. Serán obradoiros para nenos e ás 18.30 horas, magosto popular coa actuación dos gaiteiros do Gorgullón.
Na praza de Europa de Monte Porreiro, o magosto comezará ás 17.00 horas e ás 18.00 horas está prevista unha exhibición de zumba e capoeira.
No centro Leste tamén se celebrará un magosto a partir das 17.00 horas. E ás 18.00 horas haberá unha actuación do grupo folck Pedra do Lagarto.
O da praza da Pedreira, por último, comezará ás 20.00 horas con actividades para nenos, e ás 21.00 horas arrancará o magosto popular coa actuación da Asociación Cultural Trepia.
MAGOSTO EN LOURIDO
Pola súa banda, a asociación de veciños de Lourido, en colaboración co Concello de Poio e a Deputación Provincial, organizará tamén o seu tradicional magosto este sábado 7 de novembro, a partir das 20 horas no parque de Costa Xiráldez.
Toda a veciñanza que decida achegarse ao recinto poderá gozar de boa música, castañas e do viño, todo de balde.
Nesta ocasión, a música correrá a cargo do grupo de pandereteiras As Chaneiras e da banda Vento Mareiro, que amenizarán a xornada durante varias horas.