Michelena e Rosalía de Castro, en obras para repoñer os seus sumidoiros
Por Redacción
Viaqua está a realizar desde esta semana obras de reposición do servizo de sumidoiros en dúas céntricas rúas da cidade: Rosalía de Castro e Michelena. Son uns proxectos incluídos dentro do programa de reinvestimento ao que está obrigada por contrato a empresa concesionaria do abastecemento de auga e que teñen un custe global de 56.907,83 euros.
Na rúa Michelena, actuarase na rede de sumidoiros entre as rúas Marquesa e Gutiérrez Mellado, onde se instalarán catro novos pozos de rexistro, reporanse as acometidas e as conexións existentes. O custe desta obra é de 15.600,46 euros, e o seu prazo de execución está previsto nunhas tres semanas.
O segundo dos traballos que se iniciou esta semana é a substitución da rede de sumidoiros na rúa Rosalía de Castro, próxima á intersección coa AP-9, substituíndo a rede existente na zona que na actualidade atópase en moi mal estado de conservación. O orzamento desta segunda actuación é de 41.307,37 euros e o prazo de execución é dun mes.
Ademais, Viaqua está a piques de rematar os traballos de substitución da rede de auga na fronte do Hospital Provincial, na rúa Loureiro Crespo entre os números 1 e 9 da citada rúa, e tamén a mesma distancia diante do Hospital.
A obra consiste na substitución da rede de abastecemento de auga potable que na actualidade é de fibrocemento de 300 mm e de 150 mm de diámetro por tubaxes de 300 e 150 mm de diámetro en fundición dúctil. O orzamento desta actuación é de 31.558,21 euros e o prazo de execución é de un mes.
O último dos traballos rematados e incluídos dentro destas partidas foi a mellora da rede de saneamento e augas pluviais na praza da Peregrina, onde se tiña detectado unha deficiente canalización das augas pluviais e fecais, debido á antigüidade do material e á falta da rede separada, o que ocasionaba permanentes atascos e filtracións que chegaban a afectar aos sotos dos edificios da praza. O orzamento daquela obra foi de 15.564,46 euros.
ARRANXOS EN MONTE PORREIRO
Por outra banda, Viaqua reparou nestes días unha avaría detectada na canalización de impulsión do bombeo de Monte Porreiro á Estación de Tratamento de Auga. A avaría estaba situada nun tramo de tubaxe de formigón con camisa. O arranxo fíxose sen afectar ao servizo.