Os veciños de Vilarchán piden máis lombos para garantir a seguridade vial na zona
Por Redacción
Os veciños de Vilarchán solicitáronlle ao alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e ao seu grupo de goberno a colocación de lombos para reducir a velocidade dos vehículos e garantir unha maior seguridade vial na zona. Outra das reivindicacións manifestadas na asemblea veciñal realizada na Casa do Pobo foi solicitar a colaboración do Concello na mellora do subministro de auga potable ás vivendas a través do reforzo da actual traída veciñal.
En canto á petición dos lombos, o alcalde comunicoulles que xa estaba encargado un informe á Policía Local para que determinasen a conveniencia da súa colocación e a súa mellor distribución para garantir a seguridade vial. Segundo lles dixo Andrés Díaz, a intención do Concello é levantar aqueles que se considere necesarios pero feitos de tal xeito que cumpran a súa función de reducir a velocidade sin causar prexuízo aos automóbiles que circulan pola estrada.
Os veciños tamén lle solicitaron que trasladara á Xunta, titular da estrada principal que comunica Pontevedra con Ponte Caldelas, para que se mellore a súa sinalización no tocante ao desvío que deben tomar os veciños de Vilarchán e Contixe para dirixirse ás súas casas e que, por ser insuficiente, supón segundo manifestaron un perigo constante.
Outra cuestión que lle foi plantexada ao alcalde foi a necesidade de realizar diversos arranxos e melloras na Casa do Pobo de Vilarchán que se atopa con problemas de humidade e precisa dun pintado interior. O alcalde contestoulles que se estudiaría e manifestoulles que o desexo do equipo de goberno, para o vindeiro ano, é poñer en marcha un plan cultural que dinamice todas e cada unha das casas do pobo que se atopan agora pechadas co fin de que se convirtan en punto de atracción social e reunión dos veciños de cada lugar.
Finalmente, os veciños de Vilarchán amosaron a súa preocupación pola falla de auga na traída que surte ás vivendas da zona e comentáronlle que estiveran facendo unha nova captación que non deu os resultados apetecibles. Ante esto, comunicáronlle que teñen previsto realizar unha nova prospección noutro lugar máis alto e, no caso de dar resultados positivos, solicitaríanlle a colaboración do Concello para os posteriores traballos de canalización a realizar.