Os mozos volven fuxir do traballo no campo
Por Oskar Viéitez
Durante a crise, a falta de oportunidades empuxou a moitos galegos para buscarse o seu porvir no campo. Pero os datos demostran que a agricultura foi un refuxio eventual. Unha solución pasaxeira que non callou entre os mozos.
Segundo reflicten os datos da enquisa de poboación activa (EPA), entre os meses de decembro dos anos 2012 e 2013, a ocupación do medio rural creceu en 1.300 persoas no tramo de idade que vai de 25 a 34 anos. Con todo, no seguinte ano constátase un descenso de 1.800 empregos no mesmo tramo de idade.
Das case 17.000 persoas desempregadas da comarca segundo os datos do paro do pasado mes de outubro, na agricultura rexístranse 630 a nivel comarcal e 138 na cidade do Lérez.
De novo os mozos optan pola cidade en detrimento do rural, aínda que as oportunidades laborais que lles ofrece a contorna urbana sexan precarias e eventuais.
Entre outras razóns, isto é debido a que o traballo no campo é pouco rendible, ou o que é o mesmo, tanto ou máis precario que o traballo que se pode conseguir na cidade, agravado pola falta de servizos do envellecido medio rural.
O problema agrávase no caso das mulleres. Segundo a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, o 43% dos traballadores sen retribución na actividade agrogandeira son mulleres, das cales o 26% son propietarias ou copropietarias de explotacións.
Este pasado xoves, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba unha serie de medidas neste sentido. Por unha banda, fomentar a competitividade da agricultura; por outro, "conservar e revalorizar" o patrimonio natural da comunidade; e finalmente, mellorar a calidade de vida, fixando poboación nun ámbito que experimenta unha sangría demográfica.
Case 67 millóns irán parar a medidas de apoio a mozos que queiran emprender actividades agrícolas, e máis de 300 serán distribuídos en varios capítulos para o sector forestal.
Relacionadas:
-
A taxa de paro en Pontevedra é menor que en Vigo, Lugo e Ferrol
Por Oskar Viéitez |
-
A taxa de paro no municipio de Pontevedra é do 18,1%, o dato máis baixo desde o ano 2009
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Catro plans para 900 prazas de formación co obxectivo de fomentar o emprego
Por Redacción |