Sanxenxo bonificará a taxa da auga readaptando as tarifas a un consumo por tramos
Por Redacción
Sanxenxo aplicará unha subida mínima ás taxas por distribución de auga, gas, electricidade e outros abastecementos públicos. Será a correspondente ao Índice de Prezos ao Consumo (IPC).
Tal e como explicou o concelleiro de Facenda, David Otero, actualizaranse as taxas polo servizo de distribución de auga, rede de sumidoiros e depuración de augas residuais, aplicando o IPC ao estar recollido por contrato, para o que se toma o índice de xullo a xullo, que neste caso corresponde ao 0,1%.
Pero no caso da auga, o goberno local propón a readaptación das tarifas actuais a un sistema de consumo por tramos dentro de cada categoría de abonados e mantendo a equivalencia coas actuais.
A ordenanza mantén un consumo mínimo de 30 metros cúbicos por trimestre cunha tarifa de 0,3919 euros/m3 fronte aos 0,4116 euros/m3 que veñen aplicando ata agora. Pero modifica a tarifa para aplicar en caso de excesos nese consumo, fixada ata agora nunha única de 0,4647 euros/m3.
A partir de xaneiro de 2016 o consumo que supere os 30 m3 por trimestre terán unha tarifa diferente en tres bloques: ata 60 m3 a tarifa será de 0,5832 euros/m3; ata 120 m3 será de 0,6344 euros/m3 e en caso de máis de 120 m3 por trimestre o prezo da auga será de 0,8390 euros por metro cúbico.
"Esta tabla fíxose atendendo aos datos que manexa o goberno local, que establece os 30 metros cúbicos por trimestre como o consumo medio do 90% dos abonados en Sanxenxo", apunta David Otero, concelleiro de Facenda, que ve nesta nova táboa de tarifas unha forma de gravar o consumo inxustificado da auga, un hábito que desde o goberno local queren corrixir e reducir.
Con todo, as novas tarifas bonifican o consumo das familias en función do número dos seus integrantes, podendo oscilar entre un 30 e un 50%. E é que a taxa rexistrará un 30% de desconto no consumo superior aos 30 m3 para aquelas vivendas nas que residan entre 5 e 7 persoas; a redución será do 40% en residencias con 7 a 9 persoas e dun cincuenta por cento cando os empadroados na mesma superen os 9 membros.
"O que pretendemos con esta medida é apoiar ás economías familiares, coñecedores de que nestes momentos hai familias que se viron incrementadas a consecuencia da crise e eliminar calquera reducción cando esto non está xustificado", apunta David Otero.