O pleno de Sanxenxo aproba por unanimidade a revisión da taxa da auga
Por Redacción
O pleno extaordinario celebrado na mañá deste luns en Sanxenxo aprobou por unanimidade a revisión de varias ordenanzas fiscais cuxa aplicación entrará en vigor o próximo 1 de xaneiro, entre elas a relativa á auga.
A proposta do goberno local de manter a mesma tarifa existente, actualizada co IPC de setembro fixado no -0,9%, contou co apoio do PP.
Con todo, David Otero, portavoz do goberno e concelleiro de Economía, deixou claro o compromiso de volver levar a pleno unha nova tarifa que se aplicará a partir do segundo trimestre de 2016 e que seguirá as directrices europeas nas que se insta a que as ordenanzas recollan medidas correctoras do consumo abusivo de auga. E farase mediante un sistema de tarifas aplicables segundo os tramos de consumo, con bonificacións que irán do 30 ao 50% en función do número de censados en cada vivenda.
Así o explicou esta mañá David Otero, no transcurso da sesión plenaria, na que tamén tachou de "demagóxicas" as críticas do Partido Popular, "creando alarma social ao dicir que se subía a taxa aos establecementos hosteleiros".
David Otero tachou de "sorprendente" que o Partido Popular descoñeza que a taxa da auga recolle unhas condicións específicas para abonados comerciais e para abonados industriais, que engloba todos os establecementos de hostalería, desde cafeterías a hoteis, para quen se contempla un tramo mínimo de 75 metros cúbicos, que non rexistran variación ningunha.
O portavoz do goberno lamentou que tanto o ex alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín e o ex concelleiro de Facenda, Marcos Guisasola, descoñezan unha ordenanza que aprobaron e aplicaron durante varias lexislaturas e reprochoulles que a pesar diso cheguen a alarmar falando de subidas de ata a 80% da auga a bares e hoteis.
Gonzalo Pita, pola súa banda, explicou que por "un acto de responsabilidade" o goberno local decidiu pospoñer o pleno extraordinario convocado para o pasado venres ata esta mañá para aplicar ás taxas un IPC máis vantaxoso para os veciños unha vez detectado polos servizos de Intervención Municipal.
Tamén foron aprobadas por unanimidade as taxas de depuración de augas residuais e da rede de rede de sumidoiros.
A corporación aprobou tamén, coa abstención do PP e os votos favorables do goberno local, o refinanciamento parcial do préstamo bancario para pago a provedores, dando luz verde a unha das dúas propostas que barallaba o goberno anterior, negociando unhas condicións financeiras máis vantaxosas, xa que o tipo de interese redúcese do 1,64% ao 1,55% ata o ano 2022.