A néboa dá paso a unha semana marcada polo bo tempo
Por Redacción
As altas presións continuarán este mércores sobre a península Ibérica marcando o tempo sobre as Rías Baixas. Desta forma agárdase que se repitan escenas como as experimentadas durante a mañá deste martes 10 con presenza de bancos de néboa. Os ceos manteranse nubrados en todo o litoral atlántico. As temperaturas mínimas quedarán sen cambios significativos, mentres que as máximas sufrirán un lixeiro descenso situándose entre os 12 e os 20 graos, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia.
O xoves, o anticiclón que se atopa sobre o Mediterráneo marcará a situación meteorolóxica sobre Galicia deixando un día de ceo con nubes altas. Na zona de interior observaranse bancos de néboa. O vento soprará frouxo de dirección variable.
Tamén o venres continuará a influencia anticiclónica. Os ceos presentaranse con nubes altas en xeral. As temperaturas continuarán sen experimentar cambios significativos e os ventos soprarán frouxos, de dirección variable, con predominio do compoñente norte.
O fin de semana tamén será de bo tempo. As choivas non se esperan ata a próxima semana cando o vento pase a soprar de direccion suroeste. As temperaturas continuarán sendo altas para esta época do ano.