Os socialistas aprecian un "fin de ciclo" no Concello e un alcalde "case desaparecido"
Por Redacción
O PSdeG-PSOE asegura ver con "certa decepción e preocupación" a actitude do goberno municipal no seu primeiros cinco meses do novo mandato. Neles non aprecian, segundo Agustín Fernández, unha "folla de ruta" clara e lamentan que dedicasen todo este tempo a unha política baseada no "autobombo" e non en aplicar medidas "efectivas" que axuden aos cidadáns pontevedreses.
Todo iso leva ao portavoz socialista a afirmar que aprecia un "fin de ciclo" no goberno do BNG. Asegura que os seus membros están xa "colocándose para o futuro", sobre todo tras comprobar que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, está "case desaparecido" e nel ven, afirmou Agustín Fernández, un "agotamento" que provocou "certo esmorecemento na cidade, unha menor actividade económica e a deserción dos consumidores".
Esta situación tradúcese tamén, denuncia o PSdeG-PSOE, na "falta de acordos" que o goberno municipal ten con outras administracións como a Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento -do que Agustín Fernández afirma que todas as actuacións realizadas son herdadas do goberno de Zapatero- ou a Deputación de Pontevedra, que segue sen avanzar nos proxectos comprometidos polo executivo anterior.
Tras realizar un amplo repaso por case todas as áreas de xestión, onde non aprecian avance algún ou mesmo comportamentos "irresponsables" como a negativa para aprobar o PXOM ou a instalación de lombos nos accesos a Montecelo, o portavoz socialista lamentou por encima de todo que o Concello non estea a aproveitar os réditos económicos e turísticos que debería xerar a "magnífica" imaxe que ten Pontevedra polo seu modelo urbano.
Agustín Fernández reiterou que este modelo "no que todos colaboramos e do que todos sentimos orgullosos" é un "diamante en bruto que non está sendo ben xestionado e explotado". Asegura que non hai un retorno claro de todos estes esforzos a Pontevedra nin se saca un rendemento que "repercuta nos cidadáns". Iso é debido, dixo, a que non hai unha acción turística "decidida" nin se vende a cidade de forma adecuada.
Fronte a todo iso, os socialistas avanzan que seguirán coa súa función fiscalizadora do goberno municipal e achegarán novas ideas porque "temos visión de goberno". De feito, sinalou que desde que comezou este mandato "as iniciativas de maior calado político foron presentadas polos socialistas", citando expresamente a consulta popular sobre ENCE, o impulso do PXOM ou a creación de vías sanitarias sen lombos.