Dous detidos por 19 roubos en casas deshabitadas do rural de Poio
Por Redacción
A Garda Civil logrou resolver a onda de roubos con forza que se estaban a rexistrar nos últimos meses en vivendas deshabitadas do rural de Poio, nas que os autores desmontaban as instalacións de calefacción, electricidade e grifería. Contabilizan ata 19 delitos e atribúenos a dous veciños de Poio de 30 e 28 anos.
Os detidos son I.G.G., de 30 anos e A.C.C., de 28, ambos con antecedentes. Tras prestar declaración no Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra, quedaron en liberdade con cargos, pero a investigación segue aberta para poder determinar a autoría doutros delitos de similares características.
Segundo informou a Garda Civil, facían percorridos polos arrabaldes de Poio localizando vivendas con carteis anunciadores de 'Véndese' ou 'Alúgase'. Unha vez comprobado que estaban deshabitadas, durante o día desmontaban os circuítos eléctricos, conducións de calefacción e grifería e de noite procedían á súa recollida e transporte.
Nalgunhas ocasións os propietarios e as axencias de aluguer chegaron ás vivendas con posibles clientes para a súa venda ou aluguer e levaron a sorpresa de atopar os radiadores de calefacción e as conducións e griferías desmontadas e embaladas para o seu transporte.
Grazas á colaboración cidadá conseguíronse datos cos que os investigadores chegaron á conclusión de que os sospeitosos frecuentaban o poboado do Vao.
Na madrugada do 5 ao 6 de novembro, unha patrulla da Garda Civil de Pontevedra localizou un dos vehículos que os sospeitosos utilizaban nos roubos circulando en dirección a Pontevedra, de modo que lle deu o alto e comprobou que estaba ocupado polos investigados e cargado con multitude de anacos de tubaxe de cobre, grifería, barrís de cervexa a presión e ferros de aluminio recortadas, de cuxa procedencia non deron explicacións convincentes. Nese momento, os mozos foron detidos.