Educación prescinde das empresas denunciadas por servir comida en mal estado en centros escolares
Por Redacción
Tras as críticas realizadas polas ANPAS e por gobernos locais como o de Cuntis, a Consellería de Educación decidiu resolver o contrato de comedores coas empresas Col-Servicol e Cátering Perea Rojas debido á polémica xerada por servir comida en mal estado nos comedores escolares dos colexios de Arousa e no centro público de Cuntis.
A consellería xustifica esta decisión polo incumprimento reiterado das condicións do contrato por ambas as empresas encargadas da concesión. Desde a Xunta entenden que se constataron incidentes de carácter grave na prestación do servizo, especialmente nas dúas últimas semanas, que non garanten as condicións do servizo contratadas.
Ademais, desde o goberno galego indícase que teñen ultimada unha alternativa para que o servizo de comedor dos centros afectados poidan seguir funcionando con normalidade a partir de mañá xoves 12 á espera de finalizar unha nova adxudicación.
Desde Educación advirten que as incidencias acontecidas nas últimas semanas non se poden extrapolar ao conxunto do servizo de cátering, que está a funcionar con normalidade para ao redor de 11.700 alumnos en Galicia.
CIG PIDE UNHA XESTIÓN PÚBLICA
Segundo o sindicato CIG, a Consellería de Educación rectifica pero persevera no erro, convocando por procedemento de urxencia, a contratación na vindeira semana dos novos servizos de comedor.
Dende o sindicato nacionalista sinalan que isto amosa unha privatización de servizos públicos que atentan contra a saúde dos escolares. A CIG-Ensino reclama que se tomen as medidas oportunas e que a administración pase a xestionar directamente este servizo, con persoal específico.