As estradas da provincia, preparadas para a chegada do inverno
Por Redacción
Mentres a climatoloxía empéñase en alargar a sensación estival cun outono máis cálido do normal e temperaturas máximas que roldan os 20 graos, as estradas da provincia prepáranse para a chegada do inverno.
A Xunta de Galicia activou este domingo o Plan de Viabilidade Invernal na provincia de Pontevedra.
Esta decisión supón a mobilización de nove máquinas quitaneves e máis de 600 toneladas de sal para combater o xeo que poida aparecer nas estradas.
En Pontevedra existirán durante os próximos meses dous centros operativos, un na capital e outro no sur da provincia, concretamente en Salvaterra, desde onde se coordinarán os subcentros de Lalín e Gondomar. Ademais no Mosteiro sitúase outro centro máis dentro da concesión da Autovía AG-41.
No operativo habilitado pola Xunta en Pontevedra participarán 105 persoas, que se encargarán das tarefas necesarias para evitar a acumulación de neve e xeo na rede autonómica de estradas.