Atraca a farmacia de Estribela para levar unha caixa de Trankimazin
Por Redacción
A Policía Nacional mantén aberta unha investigación para localizar ao autor dun atraco rexistrado ao mediodía deste luns na parroquia pontevedresa de Estribela, no que o ladrón levou, segundo transcendeu, unha caixa do medicamento Trankimazin.
Os feitos ocorreron sobre as 13.30 horas na farmacia situada na avenida Montero Ríos de Estribela. Un home entrou no establecemento portando unha arma branca e ameazou á persoa que estaba nese momento no interior para levar a caixa de Trankimazin, tranquilizante co principio activo do Alprazolam.
A continuación, segundo as fontes consultadas, o atracador deuse á fuga. Os responsables da farmacia alertaron á Policía Nacional, que se desprazou a Estribela e comezou unha investigación.
Este atraco é o segundo que se produce no termo municipal de Pontevedra nos últimos días, despois de que durante a fin de semana se rexistrase un nunha froitería do centro da cidade.