O Concello busca voluntarios para os Camiños Escolares
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra busca voluntarios. A concelleira de Seguridade Cidadá de Pontevedra, Carme da Silva, informou deste "novo paso" no programa de Camiños Escolares, posto en marcha no curso 2010/2011 para que os alumnos de primaria acudan andando sós ao colexio.
"O obxectivo final do proxecto é que non haxa voluntarios", adiantou da Silva, para que os nenos acudan "xa non só ao colexio, senón para facer recados, visitar á familia e moverse pola cidade", engadiu.
Antes de chegar a iso, o Concello quere deixar en mans de colaboradores voluntarios a vixilancia dos cruzamentos e os pasos de peóns, un traballo que agora realiza unha empresa privada.
Carme da Silva citou o exemplo do barrio de Monte Porreiro onde "so hai voluntarios" que son os veciños da urbanización.
O pasado mes de outubro os concelleiros mantiveron reunións coas Asociacións de Pais e Nais de Alumnos para explicarlles este proxecto de voluntariado, e o mesmo farán coas asociacións de veciños da cidade "para que sexa un proceso máis integral" que inclúa á comunidade educativa pero que tamén os veciños formen parte do mesmo.
Cantos máis voluntarios participen menores serán as quendas que terá que facer cada un destes voluntarios aos que se lles pide un "compromiso" con esta tarefa de acompañamento de 8.40 a 9.10 horas polas mañás, e de 13.50 a 14.20 horas polas tardes. Ademais estarán cubertos polo Programa de Voluntariado do Concello que inclúe seguro e demais garantías.
"Eu creo que vai ter resposta", confía Carme da Silva, atendendo ao resultado que a iniciativa tivo en Monte Porreiro.