Detidos os dous supostos atracadores do supermercado DIA en Sanxenxo
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Axentes da Garda Civil detiveron dous individuos que, segundo as investigacións, serían os supostos autores do atraco a punta de pistola no supermercado DIA de Sanxenxo.
Trátase de dous veciños das localidades de Sanxenxo e Vilanova de Arousa, de 42 e 33 anos respectivamente, que foron localizados e detidos o mércores por axentes do Posto do Instituto Armado de Cambados.
O atraco tivo lugar sobre as 9,25 horas do pasado luns cando dous individuos con vestimenta de moteiros e co casco posto e o rostro cuberto acudiron ao Supermercado DIA de Sanxenxo con senllas pistolas. Tras intimidar á caixeira fuxiron co diñeiro da caixa.
Non foi ata a mañá do mércores cando os axentes localizaron en Vilanoviña (Meis) unha furgoneta de aluguer, marca Renault Kangoo, estacionada nas inmediacións dunha vivenda illada. Estaba aberta e sen condutor e, no seu interior, localizaron dous xogos de matrículas, que resultaron ser subtraídas.
Momentos máis tarde apareceu no lugar unha motocicleta marca Daelim Roadwin, conducida por un home que afirmaba ser o arrendatario da furgoneta. Pero ao comprobar a matrícula da motocicleta resultou que esta correspondía a unha Vespa, modelo LX125.
Por todo iso, os axentes da Garda Civil realizaron un rexistro máis exhaustivo da furgoneta. Na parte traseira e no interior dunha mochila localizaron unha pistola simulada, roupa escura, dúas pasamontañas, luvas de latex, luvas negras, bridas longas e ferramentas como desaparafusadores e trade.
Tras o achado dos devanditos efectos e ao coincidir as características da moto e o casco cos utilizados no roubo en Sanxenxo, así como a descrición física cun dos autores, procedeuse á súa detención. Pouco máis tarde, os axentes tamén detiveron outro home, veciño de Vilanova, como coautor do atraco.
Os detidos, aos que se lles imputa os delitos de roubo con intimidación nun supermercado, subtracción de placas de matrícula e falsificación de documentos, foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Cambados.