Especialistas en análises clínicos de España e Portugal participan nunha xornada no Hospital Provincial
Por Redacción
Preto de corenta xefes de servizo de Análises Clínicos de diversos hospitais de España e Portugal participaron este xoves, no Hospital Provincial de Pontevedra, nunha xornada sobre a utilización do sistema de mellora continua DBS en laboratorios clínicos. O laboratorio integrado do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra desenvolve a primeira experiencia en Europa na aplicación desta metodoloxía de mellora continua ao ámbito dos análises clínicos.
O sistema DBS é un conxunto de ferramentas que teñen como obxectivo a mellora da calidade e a eficiencia de procesos estratéxicos e operacionais. Utilizado en diferentes industrias e sectores, sobre todo en Estados Unidos, a súa aplicación empeza a estenderse a outros ámbitos como o da saúde.
Na inauguración da xornada, o xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González, destacou o proceso de integración dos laboratorios levado a cabo no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Expuxo o sistema de traballo e de coordinación organizativa que integra distintas especialidades -Bioquímica e Análises Clínicos, Hematoloxía e Microbioloxía- nun sistema único, permitindo un diagnóstico máis áxil e eficiente.
Así, asegurou que "os bos resultados obtidos tras o proceso de centralización do laboratorio incrementaron a eficiencia e a seguridade, garantindo a trazabilidade completa das mostras e a redución dos tempos de resposta".
González Álvarez sinalou que máis do 95% das mostras procesadas están listas en menos de 24 horas, entre un 25% e un 35% máis que antes. Ademais, reduciuse un 20% o gasto enerxético e un 87% o de provedores, conseguindo un aforro interanual do 35%.
O xerente dixo que a reordenación dos laboratorios do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra "tamén permitiu o desenvolvemento da petición electrónica, sendo un centro pioneiro en Galicia, e dun sistema de información integrado".