Localizan, tras once meses de fuga, dúas personas vinculadas cun tiroteo en Cambados
Por Redacción
Once meses despois, a Garda Civil deu un importante paso para resolver a autoría dun tiroteo que se produciu en decembro do ano pasado no portal dun edificio de Cambados. Nas últimas horas, os axentes detiveron a dous mozos de 26 anos, veciños de Cambados e Negreira, pola súa presunta vinculación cos feitos.
O suceso produciuse o pasado 18 de decembro na rúa Santa Margarita, no barrio de Santo Tomé. Segundo reflicten as investigacións da Garda Civil, un mozo da localidade citouse con outras tres persoas para xestionar a compra dunha furgoneta que tiñan anunciada na internet. Despois de convir que a cambio da furgoneta entregaríalles o seu propio vehículo e 3.000 euros en efectivo, os catro dirixíronse ao domicilio do comprador para recoller o diñeiro e as chaves de reposto do vehículo que tiña que entregar.
Coa desculpa de ter que ir ao servizo, un dos tres individuos que vendía a furgoneta accedeu ao domicilio da vítima e unha vez no interior, ameazouno cunha pistola e obrigoulle a entregarlle os 3.000 euros, producíndose un forcexo entre ambos e, como consecuencia, un disparo que non chegou a alcanzar ao dono da vivenda.
Tanto o autor do disparo como os outros dous compañeiros que o esperaban na rúa déronse á fuga nun vehículo que fora subtraído momentos antes en Marín.
No marco da operación denominada Buratos-15, os axentes lograron deter este mércores aos dous mozos -un en Cambados e outro en Negreira (A Coruña)-, plenamente identificados a través das mostras de ADN e impresións dixitais localizadas no interior do vehículo que utilizaran, que se recuperou no garaxe do mozo detido en Cambados.
Os detidos, aos que se lles imputa a comisión de senllos delitos de roubo con violencia e intimidación e roubo de uso de vehículo a motor, foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Cambados.