Marín reparte paraugas contra a violencia machista
Por Redacción
Varias asociacións participaron dos primeiros actos que se organizan en Marín con motivo do Día Internacional contra a violencia machista coa presenza da alcaldesa María Ramallo.
Estes colectivos entregaron nas proximidades do recinto da Escola Naval de Marín un paraugas de agasallo ás persoas que se achegaban á instalación no que se fai referencia á concienciación cidadá fronte a esta lacra social.
Ademais, o mércores 25, ás 12.00 horas no salón de plenos do Concello acollerá a entrega dos Premios Lazos Violeta que, nesta ocasión, concederanse ás asociacións con vocalía de muller e unha mención especial a Teresa Branco, recentemente falecida e que destacou como representante do sindicato UXT e tamén como integrante do Consello de Administración do Porto de Marín.
A unanimidade da corporación decidiu conceder os premios Lazo Violeta 2015 ás Asociacións de Mulleres Municipais: Asociación de Amas de Casa, Asociación de Mulleres O Abeiro, Asociación de Mulleres Marroquís Al Amal, Asociación de Mulleres Virxe do Porto e a Asociación de Mulleres, intercambio do saber.
ACTOS EN CUNTIS
A Concellaría de Igualdade e Benestar Social do Concello de Cuntis vai realizar durante a semana do 25 de novembro unha serie de actividades coa finalidade de facer visible o grave problema que supón a violencia contra as mulleres, considerado como "terrorismo machista" en diversos sectores. Para a organización do programa cóntase coa colaboración das asociacións de mulleres do concello e do CPI Aurelio Marcelino Rei.
As actividades centraranse na repartición de lazos violeta polas parroquias, no desenvolvemento dun obradoiro titulado "Como me quero quérote" e o día 25 terá lugar unha mesa informativa coa participación de Marcela Santorun Ardone e Ángela Fernández Mosquera, psicóloga e avogada respectivamente do Servizo de Atención Integral. Pola tarde celebrarase un concerto de Roberto Blanco. O 28 de novembro, o Centro Sociocultural Patelas contará cunha actuación de corais parroquiais.