Álex Rodríguez, un pontevedrés que logrou abrirse camiño no sector audiovisual de Hong Kong
Por Alejandro Espiño
Cando chegas a Hong Kong, unha rexión de máis de sete millóns de habitantes, e a primeira persoa que te recibe é tamén pontevedrés, sénteste case como na casa. Iso é o que ocorre cando te atopas con Álex Rodríguez, un operador de cámara que leva xa case catro anos na China e que, aos poucos e con moito esforzo e dedicación, logrou abrirse camiño no complicado mundo do audiovisual.
Para el, mudarse a máis de 10.000 quilómetros da súa casa foi como "empezar de cero por segunda vez". Fíxoo por amor. Coñeceu unha moza de Hong Kong, de forma casual, no aeroporto de Barcelona. "Vin unha moza asiática moi guapa e empecei a falar con ela", lembra. A rapaza estaba a traballar en España e, tras continuar o contacto a través da Internet, "acabamos sendo parella". Ela mesmo chegou a vivir uns dous meses en Pontevedra.
Pero unha oferta de traballo provocou que a súa noiva tivese que volver a Hong Kong. E el, non o pensou dúas veces. "Funme de vacacións para ver se me adaptaba á cidade, gustoume e decidín quedarme", explica este pontevedrés de 35 anos. Deixou o seu traballo nunha cadea de televisión local para irse con ela. Asegura que non se arrepinte, aínda que recoñece que os seus primeiros meses "non foron doados" porque "o meu nivel de inglés era moi baixo e o de chinés era cero".
Para a súa integración na cidade chinesa serviulle a súa decisión de axudar á súa parella "nunha empresa que ela tiña ademais do seu novo traballo". Precisamente, unha compañía cun gran volume de negocio con España. "Dedicabámonos a vender balóns do merchandising oficial de moitos equipos españois", entre eles o Real Madrid, o Sevilla ou o Málaga de fútbol, o Valencia e o Estudiantes de baloncesto ou a propia federación española de fútbol sala.
Álex, despois dun ano, "botaba de menos o audiovisual", así que decidiu probar sorte. O idioma foi, de novo, unha barreira difícil de superar porque "todas as entrevistas eran en inglés". Centrouse nun proxecto persoal que, ao final, abriulle as portas para poder vivir do seu traballo e "moito mellor pago que en España", aínda que tamén sexa maior o custo da vida. "Un piso de 70 metros non o atopas por menos de 1.000 euros ao mes", sinala.
Durante catro meses estivo a gravar un 'time-lapse' -unha coñecida técnica fotográfica que acelera imaxes tomadas nun mesmo punto ao longo dun período de tempo determinado- por toda a cidade de Hong Kong. "Tocoume a lotería con iso, porque ese traballo gustou moito e, tras colgalo na miña canle de YouTube, empezáronme a chamar de diferentes produtoras para comprar as miñas clips".
Tras colaborar, entre outros proxectos, cun documental sueco e na realización de vídeos turísticos, Álex Rodríguez traballou para grandes marcas como Nike, Adidas, Ali Baba "que é unha das grandes empresas do mundo, unha especie de eBay chinés" ou editando pezas informativas para Vice, unha canle de noticias de Los Angeles. Chegou mesmo a facer o seu primeiros pasos como tradutor e como modelo, aínda que asegura que "non me gusta moito falar diso".
Asegura que non se arrepinte de marchar, aínda que recoñece que os seus primeiros meses "non foron doados" porque "o meu nivel de inglés era moi baixo e o de chinés era cero"
Debido a ese vórtice laboral "hai dous anos e medio que non volvo a Pontevedra", aínda que afirma que "non me arrepinto porque de facelo, tería cortado a miña progresión". Iso si, recoñece sentir "certa morriña" ao estar lonxe da súa familia e dos seus amigos, aínda que tamén estraña "o polbo, o churrasco e o marisco", asegura entre risas. "E a festa galega, porque aquí déitanse moi pronto".
O peor de Hong Kong, explica, é que sexa unha cidade "cun ritmo demasiado estresante" e que, falando do seu traballo, "apenas hai creatividade, todo o mundo quere unha copia de algo que xa estea feito e funcione". Son moitos clientes, di, os que chaman á súa porta "porque viron un vídeo que lles gustaba e pídenche que o fagas igual, mesmo coa mesma música", ao entender que se esa peza audiovisual tivo éxito "eles queren ter o mesmo".
Por iso, o seu tempo libre dedícao a proxectos persoais nos que plasmar a súa propia visión creativa. "Gústame facer cousas que, cando traballo para outros, non me deixan e cando o fago, acabo conseguindo traballos novos", afirma. "Igual son o único aquí que o fai, pero non podo perder iso". E quen sabe, quizá, poder facer en Pontevedra uno deses 'time-lapse' que tanto éxito tiveron na China. "Encantaríame. Xa teño pensado ata onde facelo".
Relacionadas:
-
Así se promocionará Combarro na China
Por Oskar Viéitez |
-
Unha empresa da Illa de Arousa, principal exportadora de ostra galega a Hong Kong
Por Alejandro Espiño |
-
Jean-Pierre Raffarin, ex primeiro ministro francés: "Tedes unha visión moi humana da mobilidade"
Por Alejandro Espiño |
-
Unha apaixoada de Pontevedra, interesada en mellorar as relacións comerciais entre Asia e España
Por Alejandro Espiño |
-
Lores, en Hong Kong: "Estou sorprendido polo gran interese que está a xenerar Pontevedra"
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, a Hong Kong para recibir en novembro un novo premio internacional
Por Alejandro Espiño |
-
Beatriz Pereira, a pontevedresa que dirixe o acuario de Dubái, un dos máis grandes do mundo
Por Alejandro Espiño |