Confirman a condena de 9 anos prisión para a viúva que intentou degolar á ex muller do seu marido
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Supremo confirmou a sentenza condenatoria da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra que impuxo unha pena de nove anos de prisión a unha viúva que intentou degolar á ex muller do seu marido.
A sentenza dos maxistrados pontevedreses, de data 24 de febreiro de 2015, considerara á acusada autora dun delito de homicidio en grao de tentativa e impúxolle 10 anos de afastamento, o pago á vítima de 59.000 euros polas secuelas e os danos morais, ademais do abono ao Sergas de 19.210 euros polos gastos de asistencia hospitalaria.
O alto tribunal desestima o recurso de casación por un "erro na apreciación da proba" interposto pola acusada, María Sara D.A.D.J, de 58 anos de idade, na causa seguida contra ela por un delito de homicidio en grao de tentativa.
Igualmente rexeita que exista "quebrantamento de forma" por terse negado o presidente do tribunal a que unha testemuña conteste a preguntas que a defensa consideraba "pertinentes e de manifesta influencia na causa". Do mesmo xeito rexeita a "vulneración do dereito á presunción de inocencia" e finalmente tamén descarta que se "infrinxira o principio acusatorio en relación á pena imposta", para iso a representación legal da acusada alegaba que o Ministerio Fiscal solicitou unha pena de sete anos de prisión e o tribunal de instancia impuxo unha pena de nove anos de prisión.
O Supremo condena a dita recurrente ao pago das costas ocasionadas.
Na sentenza recorrida considerábase como "feitos probados" que a condenada, "co propósito de acabar coa súa vida", quedou coa vítima na súa casa da Caeira no municipio de Poio co pretexto de entregarlle uns discos de zarzuela que eran do esposo de ambas, falecido en 2007. Ao entrar na vivenda, cun coitelo na man, abalanzouse sobre L.E.R.D., de 71 anos, que intentou defenderse e quitarlle o coitelo, pero a acusada asestoulle un profundo corte no pescozo, comezando a sangrar abundantemente, caéndose ao chan e perdendo a consciencia. A acusada regresou á localidade de Silleda, onde vivía, logo da agresión. Cando a vítima recobrou a consciencia, taponou a ferida como puido e chamou por teléfono á empresa familiar para pedir axuda.
A Sala do Penal do Tribunal Supremo indica que resulta evidente que o tribunal de instancia "valorou contundentes probas de cargo, lexitimamente obtidas, que enervan o dereito de presunción de inocencia".
A sentenza destaca que a Audiencia Provincial de Pontevedra apreciou a declaración da vítima que identificou, "sen dúbida", á acusada e explicou como lle agrediu. Engade que os informes médicos precisaron a gravidade das feridas e o arma utilizada, sinalando que a ferida do pescozo era profunda e que "puidese falecer de non ser atendida". As declaracións dos fillos da vítima confirmaron que a acusada quedara en visitar ese día á súa nai e que lles dixo, cando acudiron á súa chamada, que a agresora fora a acusada.
Os maxistrados do Tribunal Supremo comparten na súa sentenza coa Audiencia Provincial de Pontevedra que os actos executados pola acusada estaban "directamente encamiñados a terminar coa vida da vítima pola forma na que se produce o ataque, polo arma ou instrumento empregado e pola zona do corpo á que foi dirixida a acción".
Relacionadas:
-
Condenan a nove anos de prisión unha viúva por intentar degolar a exmuller do seu marido
Por Oskar Viéitez |
-
O fiscal da degolación da Caeira: "Sara sabía que si fallecía doña Lucila se acabarían sus problemas económicos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Se abalanzó sobre mí y me degolló. Fue Sara sin ningún género de duda"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Enfróntase a sete anos de prisión por intentar matar á primeira muller do seu marido para cobrar a pensión
Por Natalia Puga |
-
Unha septuaxenaria, ferida grave tras ser acoitelada na súa propia vivenda na Caeira
Por Natalia Puga |