Asegura estar "arrepentido" despois de que a Policía o cachase transportando heroína
Por Redacción
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra resolveu este martes cun acordo de conformidade o xuízo contra José C.A. un home acusado de tráfico de drogas, do que dixo está "arrepentido", tras recoñecer os feitos. Esta confesión foi recoñecida polo fiscal como unha atenuante á hora de rebaixar a súa petición de penas, que quedou fixada en 3 anos e 3 meses de prisión, cunha multa de 24.839 euros.
José C.A. de 65 anos de idade e con antecedentes penais por feitos similares, atópase actualmente en prisión cumprindo unha condena de nove anos por outro delito de tráfico de drogas.
O fiscal solicitaba inicialmente que fose condenado a 6 anos de prisión por un delito contra a saúde pública na súa modalidade de tenencia preordenada ao tráfico ou á distribución posterior, de sustancias que causan un grave dano á saúde das persoas.
Os feitos que este martes se xulgaron e que foron recoñecidos polo acusado, sinalan que este home foi interceptado polos axentes da Policía Nacional de Pontevedra-UDYCO cando circulaba pola estrada nacional N-550 (A Coruña-Tui) á altura do termo municipal de Portas. Transportaba pegado ao nocello da perna dereita cunha cinta adhesiva un paquete con 254,8 gramos de heroína cun grao de pureza do 50,65 %.
O valor no mercado ilícito da droga tóxica incautada no caso da súa venda en gramos é de 24.839,02 euros.