Traballos de "mantemento e adecentamento" para a Praza do Corgo
Por Redacción
O plan de mantemento de espazos públicos posto en marcha polo Concello do Grove chega a un dos puntos máis representativos da localidade, a céntrica Praza do Corgo.
Operarios municipais, con reforzo de traballadores contratados por mediación do plan provincial de emprego, traballan estes días en mellorar este espazo xunto ao edificio do Concello.
A actuación céntrase no bacheo da zona de aparcadoiro anexa á oficina de Turismo, nos viarios contiguos e fronte ao edificio municipal.
Ademais tamén está previsto mellorar a iluminación do parque infantil.
Na mesma liña de traballo tamén comezou a poda de árbores e a mellora de zonas verdes na localidade, ao que se une o cambio de tellado no edificio do Xulgado de Paz.