Pontevedra vai declararse cidade libre de circos con animais
Por Redacción
Todos os grupos políticos aprobaron por unanimidade na comisión de Benestar Social, Cultura e Dinamización Sociocultural a moción presentada polo grupo municipal socialista que establece a declaración do Concello de Pontevedra como cidade libre de circos con animais.
Esta moción baséase na declaración Universal dos Dereitos dos Animais de 1978, apoiada pola Unesco e na que, no seu artigo 4, sinala que todo animal pertencente a unha especie salvaxe ten dereito a vivir libre no seu propio ambiente natural, terrestre, aéreo ou acuático e a reproducirse, engadindo que toda privación de liberdade, mesmo aquela que teña fins educativos, é contraria a este dereito.
Desta forma, os socialistas establecían na súa moción que os animais dos circos atópanse "secuestrados" e que non gozan do establecido neste artigo.
Con esta moción socialista, aprobada por todos os grupos na comisión e que levará ao próximo pleno, establécese que o goberno municipal non promove a instalación de circos con animais no termo municipal. Nos casos nos que se instale un circo na cidade, tal e como se fai na actualidade, os técnicos realizarán a inspección das instalacións e que verifiquen que se cumpre coa Lei galega sobre o estado, transporte, coidado, protección e instalación dos animais que traslade, e se a súa utilización no espectáculo pode ocasionar danos, sufrimentos ou tratamento antinatural.
Ademais, instarase á Xunta de Galicia a que impulse unha lei para impedir o uso de animais nos circos.